Thursday 09 de May de 2024

O alumnado do obradoiro de emprego acondiciona o Monte do Bolo e a contorna do local social de Barro


 

Promovido polos Concellos de Lousame e Noia, conta cunha achega de 336.446 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria

O alumnado do obradoiro de emprego promovido polos concellos de Lousame e Noia está a realizar estes días prácticas nos espazos naturais do municipio. Unhas prácticas que deron comezo o pasado mes de xaneiro no Monte do Bolo, que esta semana se están a concentrar na contorna do local social de Barro e que continuarán nos próximos días en zonas verdes de Bergondo e San Paio, así como na área recreativa da Barquiña, entre outras.

Os 20 alumnos/as traballadores/as estanse a formar na especialidade de aproveitamentos forestais, polo que “están a realizar unha importante labor de roza, limpeza, podas, retirada de especies invasoras e posta en valor das nosas zonas verdes, como poden comprobar nestes días os veciños e veciñas de Barro coa magnífica actuación que se está a realizar na contorna do local social”, explica a concelleira de Emprego, Beatriz Rosende.

Neste sentido, o traballo realizado esta semana na contorna do local social de Barro permitiu mesmo descubrir e retirar un vertedoiro incontrolado de lixo. “Cando se retiraron unhas plantas invasoras que había na zona atopámonos cun vertedoiro de lixo, sobre todo de colchóns e restos de obra que tivemos que retirar dende o Concello co tractor”, puntualiza a concelleira.

Estas actuacións do alumnado do obradoiro de emprego poñen tamén en valor o investimento realizado polo Concello de Noia no local social de Barro nos dous últimos anos e que permitiron corrixir os problemas de humidades da instalación e mellorar a área infantil con xogos e mobiliario urbano.

O Obradoiro de Emprego Lousame-Noia 2019 conta cunha achega de 336.446 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a formación de 20 alumnos/as-traballadores/as na especialidade de aproveitamentos forestais. Ten unha duración de 9 meses e ten previstas tamén actuacións en Lousame: no parque de San Lourenzo e en espazos naturais da Silva, Aldeagrande, Bouciñas e Vilacoba.